A Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, e a Fundación Paideia Galiza organizan o foro internacional Carta de Santiago no marco da programación do Xacobeo 21-22 co obxectivo de situar Santiago de Compostela como espazo de reflexión e diálogo para afrontar os desafíos de futuro da sociedade do século XXI.
A celebración deste Ano Santo bianual brinda a ocasión para que Galicia se converta en escenario dun proxecto que nace coa vocación de dar resposta aos retos globais que enfronta a sociedade despois dunha crise sanitaria cun importante impacto social e económico.
Capital de Galicia, destino do Camiño de Santiago e cidade Patrimonio da Humanidade, Santiago de Compostela preséntase como o marco axeitado para promover estes diálogos, ao encarnar na súa historia os valores xacobeos de acollida, tolerancia e concordia.
Así, Carta de Santiago desenvolverase nos espazos da Cidade da Cultura de Galicia. Esta potente infraestrutura –icona arquitectónica da Galicia contemporánea- opera no eido da cultura, a tecnoloxía, o emprendemento e o medio ambiente, promovendo proxectos innovadores destinados ao desenvolvemento cultural, social e económico da comunidade galega.
A Xunta de Galicia e a Fundación Cidade da Cultura contan coa colaboración da Fundación Paideia Galiza. Con sede na Coruña, esta institución privada sen ánimo de lucro ten por misión promover a igualdade de oportunidades e favorecer o desenvolvemento persoal e social, mediante a creación de proxectos innovadores e sostibles. Na actualidade centra a súa actividade nos seguintes eixos de traballo: discapacidade e emprego; mocidade e mobilidade; emprendemento; desenvolvemento territorial; e formación e divulgación.